[Té Sen Gotas #02]. Cummings, a man escura detrás do Brexit



Neste episodio falamos de Dominic Cummings, principal asesor de Boris Johnson e exdirector de campaña de Vote Leave, unhas das plataformas a favor do Brexit no referendo de 2016. A el se lle atribúe parte do mérito no resultado daquela consulta así como a liña dura mantida polo Goberno baixo o mandato de Boris.


17. Boris perde o Parlamento e eleccións á vista.



Repasamos a última hora en Westminster, explicando a votación gañada pola oposición na Cámara dos Comúns para pospoñer a data do Brexit tres meses máis e o intento fallido de Boris de convocar eleccións anticipadas para o 15 de outubro, dous días antes da cimeira definitiva con Bruxelas para salvar un acordo que evite un No Deal.


[Té Sen Gotas #01] Boris suspende o Parlamento



Podcast breve no que explicamos en qué consiste a suspensión do Parlamento británico promovida por Boris Johnson e refrendada pola Raíña Isabel II. Analizamos as consecuencias deste movemento e as posibles vías que ten a oposición para paralo nos próximos días.


16. O antisemitismo no Partido Laborista



Coa chegada de centos de miles de novos afiliados, as denuncias de anti-semitismo no Partido Laborista aumentaron significativamente nos últimos anos. Isto converteuse nun dos grandes puntos de fricción internos e varios ouvintes de Té con Gotas pediron que falásemos máis de vagar deste tema.


15. Brexit e a independencia de Escocia



Saír da Unión Europea pode ter máis consecuencias para o UK do que aparenta a simple vista. Tantas, que o que hoxe coñecemos como Reino Unido de Gran Bretaña e Irlanda do Norte pode pasar a ser Reino Unido de Inglaterra e Gales. Ou Reino de Inglaterra. Neste podcast falamos coa blogueira Pilar Fernández sobre as perspectivas dunha Escocia independente.


14. Nova líder dos Liberal Demócratas e entrevista con Xabier Cid



Non todo vai ser Boris Johnson! Esta semana falamos do Partido Liberal Demócrata e da súa nova líder, Jo Swinson. Tamén contamos coa participación de Xabier Cid, galego afiliado aos Liberal Demócratas que nos dá a súa visión das primarias do partido e das perspectivas de futuro.


13. Boris vs Hunt: Quen é quen? Entrevista a Yessica Bello-Pérez



Analizamos quen son Boris Johnson e Jeremy Hunt, os dous candidatos a suceder a Theresa May e converterse no próximo primeiro ministro do Reino Unido. Na entrevista, falamos con Yessica Bello-Pérez, unha xornalista galega que traballa nunha coñecida publicación tecnolóxica cubrindo o sector das criptomoedas.


12. BBC vs CRTVG. Dúas formas de entender os medios públicos



Programa especial sobre os medios públicos no Reino Unido e en Galiza. Debullamos cales son as claves do éxito do modelo da BBC e falamos de que está a fallar na CRTVG. Desta volta entrevistamos a dúas xornalistas galegas, Inma Gil, da BBC e a Raquel Lema, da TVG.


11. Modelo Preston: un éxito desde o local e o cooperativismo



Neste episodio analizamos o que está a acontecer na localidade inglesa de Preston, que vén de ser recoñecida como a cidade con mellor modelo de desenvolvemento do país. A súa receita do éxito baséase en apostar pola contratación de servizos a empresas locais por parte das administracións públicas e as ‘institucións áncora’ da zona, e a creación de empresa cooperativas seguindo o modelo do grupo Mondragón. Na entrevista falamos con Julian Manley, un dos autores intelectuais desta iniciativa que tanto está a dar que falar no Reino Unido.


10. Análise das eleccións europeas e novo líder dos Conservadores



As eleccións europeas deixaron o escenario aínda máis revolto no Reino Unido. O Brexit Party, que hai un mes e medio nin tan sequera existía, foi a forza máis votada, seguida polos Liberal Demócratas, que até hai unhas semanas estaban dados por mortos. Os Conservadores e Laboristas tiveron os peores resultados en xeracións, e todo isto mentres os tories elixen un novo líder.